Unha ledicia poder contar coa estrea da obra íntegra “Nin arre nin xo” de TICS Colectivo Escénico, baixo a dirección de Patricia Varela, onde se mistura a danza co teatro nunha posta en escena do máis enxebre, apelando á nosa terra, ás galegas, á choiva, á morte, ós enterros, ás partidas nos bares, ás leiras, á emigración, ó baile… todo isto con moita chispa, coma non podía ser de outro xeito. En diferentes ocasións se puderon ver pequenos anacos desparellados desta obra en diferentes certames, o máis recente, no Auditorio Municipal de Ourense o pasado 29 de Abril por mor do Día Internacional da Danza, causando gran interese e un sinfín de parabéns para este colectivo. Por primeira vez, poderase desfrutar da obra íntegra no Festival RIR, cun escenario inmellorable coma é unha das prazas da vila, ó aire libre e rodeadas de pedra.