Unha das novidades do Festival RiR é a sección Festival Amigo Convidado, que terá lugar o Xoves, 6 de Setembro ás 18h na Casa da Cultura de Allariz e nesta primeira edición acudirá o Curtas Film Festival de Vilagarcía de Arousa, e proxectarán o palmarés do 2017 coas curtametraxes:

  • In a heartbeat, de Beth David & Esteban Bravo
  • O Rebelde, de Óscar Doviso
  • Le Mécène, de Lionel Auguste
  • El visitante, de Noelia Muiño

En representación deste festival acudirán os seus programadores Luis M.Rosales e Carlos Dalmeida.

Pensamos que con esta iniciativa, conseguiremos un tecido máis forte no audiovisual, apoiando unhos a outros, porque trátase de sumar e isto conséguese fomentando o audiovisual entre as novas xeracións. Hai moitos festivais que puderan encaixar nesta sección, e foi difícil escoller únicamente un, o vindeiro ano será outro festival quen veña a falarnos e amosarnos o que fan.

Do Curtas Film Festival, o propio Luis M.Rosales nos fai esta pequena posta en situación: “Actualmente somos o festival audiovisual máis lonxevo de Galicia, e un dos máis antigos de España. Este ano celebramos a nosa 46 edición. A primeira edición celebrouse en 1973. Dende o pasado ano, o Festival engadiu unha sección competitiva de longametraxes, e este ano incrementamos as seccións a competición con documental e video-creación. Dende 2016 o festival mudou a súa denominación para dar cabida á banda deseñada e á ilustración con gran éxito, algo que se está potenciando en cada edición a través de exposicións e presencia de artistas destacados. Por exemplo, anunciamos a presencia de John Howe, deseñador conceptual das películas de Peter Jackson e artista que ilustrou a obra de JRR Tolkien en innumerables ocasións, para esta vindeira edición.”